O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

19 de abril de 2022

Golpes de luz

Xulia é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas. O rapaz ten dez anos e está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar.

O narcotráfico na Galicia dos anos noventa, o mundo dos coidados e a procura da verdade envolven este melodrama, salvaxe e tenro, habitado por uns personaxes inesquecibles. Despois do éxito de «Infamia», Ledicia Costas regresa, dende o seu talento creativo, con «Golpes de luz», unha novela sorprendente e divertida. 'Golpes de luz' é unha historia contada a tres voces pertencentes a diferentes xeracións na que latexan moitos temas, como o coidado aos anciáns, a fantasía infantil, o narcotráfico de heroína en Galicia, o universo Marvel ou a imposibilidade da conciliación. Pero a pesar da escuridade, tamén é unha novela chea de esperanza e de luz, chea de tenrura. As vivencias da propia Ledicia Costas, que creceu nunha contorna rural de Pontevedra, servíronlle de inspiración para esta historia na que hai soidade, hai mentiras, hai un pouco de tolemia, sensación de impotencia, incluso pantasmas. E tamén un gran secreto que desentrañar.

"Quedei alucinado con aquela revelación. Se a miña avoa é Thor, eu son o neto dunha deusa bastante poderosa, e iso é unha responsabilidade. Desde entón, non lle quito ollo"

Web da autora

Vídeo-presentación da novela na libraría Cartabón en Vigo con Fran Alonso (50')


No hay comentarios: