O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

1 de marzo de 2010

Eu de maior quero ser


Ainhoa, Cris, Fran, María e Miguel son cinco universitarios que viven nun piso da rúa Casa Reais na Cidade Vella compostelá e que están a punto de finalizar a carreira, agás o último ao que lle resta un curso. As diferenzas en canto a madureza, expectativas ou extraversións non impiden un ambiente de franca camaradaría e ansias revolucionarias ás que se lle intúe o final. Este final é en realidade a copia da transición da adolescencia á vida adulta, con todos os medos e incertezas que carrexa.
Como se mostra na obra, non todos serán capaces de facer realidade as ilusións creadas e haberá quen consiga o éxito persoal, quen quede só co profesional ou quen encalle nunha tranquila mediocridade. A pesar da boa relación entre o grupo, quedan ocultos, grazas a silencios cómplices ou á falta de perspicacia dalgún dos protagonistas, paixóns sentimentais enterradas ou sexualidades heterodoxas que non se é capaz de sacar á superficie.

En conxunto, a novela representa unha viaxe ao "modus vivendi" dos estudantes de Santiago e a un período vital imposible de esquecer pero que non volverá. No texto reflíctense os temas que máis preocupan aos mozos como as dificultades de alcanzar a estabilidade afectiva, os problemas da vivenda, do traballo ou a incerteza do futuro.

Non esquezades que a autora estará conosco
o vindeiro 17 na Casa das Palmeiras.