Cabalos e lobos (Xerais) é o título do debú literario de
Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973). Esta novela gañou o Premio Blanco Amor 2014 e
converteuse nun dos libros máis vendidos do ano. Nesta entrevista conversamos
co autor sobre os fíos que compoñen unha historia que Lorenzo conta a medias
como ficción a medias como crónica, íntima e histórica, do Vigo do século XX.
Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de
atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga. Na
súa casa, no alto do edificio de Gran Vía nº 2, agárdaa unha revelación. Ten
quince anos e acaba de decatarse de que non coñece a súa nai, a herdeira dunha
influente estirpe de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da
I Guerra Mundial. O que ela descobre esa tarde é o primeiro segredo dunha rede
de mentiras e silencios que, xa no presente, se verá obrigada a destecer para o
seu fillo. Nese relato achará as claves de quen é a súa familia. Un colar de
rubís, unha carta sen resposta, un país bombardeado, trens que parten cara ao
frío e, sobre todo e contra todo, o amor prohibido que unirá de por vida o seu
tío Álvaro co inquietante Bruno. Cabalos e lobos, a primeira e magnífica novela
do xornalista Fran P. Lorenzo, é o retrato íntimo da historia dun século
marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao
fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que
desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.
Entrevista co autor Fran P Lorenzo en Xerais