O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

4 de marzo de 2009

Irmán do vento

"Meu amigo Alberte, aleykum salaam:
Primeiro día de outubro de 2002 segundo o voso calendario, 24 de Rayab segundo o musulmán. Esta é a primeira carta que che escribo, querido Alberte. Meu pai acábame de regalar este caderno de tapas duras e follas raiadas e un bolígrafo de tinta azul escura. O mestre Mir Ashduf considera que debo practicar a escrita porque disque teño calidades para narrar historias; quere que me converta nun katib, é dicir, un escritor de libros, e o teu pai é da mesma opinión. Eu non sei se será certo, penso que o que queren é salvarme de ir cachar na leira ou de ir ao monte por leña. Entre ambos convenceron o meu pai de que o mellor é que me ocupe só de coidar as ovellas no pasto, así terei tempo para escribir as cousas que se me ocorran."


Irmán do vento, a novela de M. Lourenzo González, gañadora do Premio Merlín 2003, é a historia de Khaled, un rapaz dunha apartada aldea do Iraq que, coma outro rapaz calquera, ten unha familia, ten amigos, unha casa, unha vida, ten un amor, ten proxectos. Ata que, de repente, a guerra. Irmán do vento é a crónica da destrución inexorábel de todo canto Khaled é e de canto soña ser. Irmán do vento é tamén a narración emocionante da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e da esperanza.
Na páxina da Biblioteca Virtual Galega podedes ver as outras obras deste autor e ler algún relato online

3 de marzo de 2009

Os asasinatos de Sierra i Fabra



O asasinato do profesor de matemáticas e O asasinato da profesora de lingua son dous divertimentos literarios. Un profesor de mates é asasinado e deixa aos seus alumnos pistas e xogos matemáticos para que descubran ao autor... Na segunda obra, unha mestra vólvese tola" e di que matará a un alumno como escarmento se non a deteñen, para o que deixa unha infinidade de probas que son outros tantos xogos de palabras.
Sierra i Fabra é un dos nosos autores favoritos entra na súa páxina web e descobre o resto das súas obras e incluso podes ler algunha delas online.