O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

4 de octubre de 2016

Cartas de inverno, Aire Negro e Contos por palabras


Seguimos coa homenaxe a este autor tan querido por todos nos, nesta ocasión con dúas propostas: Cartas de inverno e Aire Negro para os grupos maiores e Contos por palabras para as novas incorporacións ao noso club este curso.

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.



Cando o  doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor conseguirá que Laura rememore o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía imaxinar que lle estaban abrindo a porta a unha realidade terrible, ao esqueceren que por baixo da tranquilizadora superficie da vida os terrores máis fondos agardan a ocasión propicia para destruírnos.

Con referencias explícitas a autores como Jung, Henry James, Rosalía, Conrad ou Lovecraft, Aire negro mestura elementos dos xéneros fantástico e de terror para construír un thriller absorbente. Unha intensa e desacougante historia de amor, narrada cun uso maxistral do suspense e da intriga, que mantén a tensión ata a liña derradeira.



Este libro consta de oito contos. A súa característica é que todos se desenvolven a partir dos anuncios por palabras dos xornais."Unha chave non é suficiente" é o que abre o libro.
Nel cóntase a aventura dun home que ve o ceo aberto cando atopa un anuncio indicando que "se duplica calquera chave, con ou sen mostra"."
O caso do unicornio azul" conta a historia dunha unicornia que acode a unha axencia matrimonial, para atopar parella axeitada.
"Vanesa e o anuncio da televisión" conta a historia dunha nai empeñada en que a súa filla sexa unha artista da televisión.
"Un artista de neon": un fabricante de rótulos luminosos teima en modificar o mal gusto dos seus clientes, cuns resultados desastrosos.
Un vampiro pode ser o empregado idóneo dunha fábrica de ataúdes, tal e como se nos conta no relato
"O caso do estraño empregado" Spíderman ou o home-lobo poden ser postos en situacións límite, véndose na obriga de recorrer ás ofertas dos anuncios por palabras.
Isto é o que se narra en "Ser superheroe non é doado" e "Noites de lúa chea"."O libro das infinitas historias", o conto que cerra o volume, relata a incesante procura dunha libreira, dona dunha casa de compra-venda, que vai tras dun libro de máxicas propiedades.

No hay comentarios: