O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

15 de maio de 2025

Asasinato na casa rosa

Tras a espectacular acollida das súas anteiores novelas negras, inicia unha nova serie "os crimes de Loeiro", protagonizada polos inspectores Santaclara e Araújo.

A inspectora Iria Santaclara, de baixa para atender o seu home convalecente, recibe a sorprendente chamada do millonario Ulises Villamor. O empresario cre que a súa muller foi asasinada hai catro anos e quere que a inspectora investigue os feitos, trasladándose á súa mansión en Loeiro, a Casa Rosa, onde vive coa súa familia, porque sospeita que o responsable é alguén do clan familiar.

Ao pouco de iniciar as pescudas, a inspectora bate cunha nova morte e, ante esta inesperada circunstancia e o complexo da investigación, procura a axuda do seu antigo xefe, o comisario xubilado César Araújo. E así os dous tentarán desvelar a rede de misterios, mentiras e intrigas que envolven a familia Villamor.

Recensión sobre a autora en Babelio.

12 de maio de 2025

Canta, miña compañeira


Unha viaxe desde o tempo e o lugar das pandeireteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025 ata hoxe.

Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son os nomes propios de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes. Sen ese prezado saber, a música galega que escoitas hoxe en día e a literatura que les non serían as mesmas. Por iso, esas mulleres son as homenaxeadas no Días das Letras Galegas de 2025. Este libro é unha viaxe ao seu tempo e ao seu lugar, durante a que descubrirás cousas sorprendentes e coñecerás xente á que, como a ti, a move a curiosidade.

5 de maio de 2025

De novo con Eva Mejuto


Hoxe temos o pracer de recibir a visita de Eva Mejuto na nosa biblioteca.

Nun encontro cos rapaces de 1º e 3º da ESO vainos falar de 
22 segundos e Memoria do silencio.

22 segundos

O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase.


”Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas… E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son.”

Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. 
“22 segundos” relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.

Blog da obra
Unha novela necesaria no blog de Xerais
Ficha de lectura
Presentación da obra na RTVG