O medo. Un xuramento de sangue. O fulgor dunha moeda romana. O voo dunha mosca sobre o mantel da cociña. O rastro dunha nova especie de lesmas. A rutina dun autobús escolar. A transparencia dunha piscina. A soidade dun tobogán. O misterio dunha carta sen remitente. O canto do vento nunha mansión á beira do mar... Colle unha manta, prende unha luz suave, ponte a gusto no teu sofá preferido. É a hora de experimentar o pracer nada culpable do medo. Porque neste bosque de relatos os paxaros non cantan. E o misterio segue aí, a agardar por nós, como unha pantasma familiar, como un desasosego que nos leva de viaxe ao territorio do alén.
O libro compendia nove relatos breves que teñen en común estar protagonizados, na súa maior parte, por rapaces e rapazas e por contar historias de misterio e medo.
Unha escritora que experimenta o regreso desde o pasado dunha amiga morta; as sanguentas consecuencias da marxinación dun rapaz nunha festa de aniversario; a historia dun tobogán animado e con pulsións asasinas; a fuxida dunha parella dun matón que remata nunha mansión na que paira o espectro da loucura; un rapaz que espreita a súa namorada desde o alén para espanto desta; a misteriosa presenza das moscas perante a morte da nai; o medo a unhas imaxinarias lesmas que se converte nunha experiencia real; a aparición fantasmal dunha muller da antigüidade nun museo; a mestra que debe facer chegar unha carta dun remitente morto.