Nesta ocasión,
Ledicia aproveita datos reais dunha visita do escritor francés Jules Verne á
cidade de Vigo para, partindo da realidade (mesmo inclúe retallos da pensa da
época), argallar un relato no que Verne é, xunto a Violeta, o protagonista.
Para darlle maior aparencia de veracidade, outros personaxes reais, como
Sanjurjo Badía, teñen un papel fundamental nahistoria. Pero estes datos non
deben levarnos a engano: “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” é
unha novela fantástica, tal e como fai presaxiar o seu título. A realidade non
é máis ca unha plataforma dende a que esparexer ao mundo a inqueda imaxinación
de Ledicia.
O relato parte da
premisa de que a visita a Vigo de Verne, que daquela xa era un escritor
coñecido no mundo enteiro, non é casualidade, como nos dixeron os datos
históricos, senón que anda na procura dunha misteriosa saga de mulleres planta
que vive entre nós sen darse a coñecer. Acompañado do grumete Pierre, da súa
absoluta confianza, chega á botica de Philipot, garda e custodio do segredo da
estirpe. O boticario, avó de Violeta, está casado con Melisa, outra muller
planta á que lle está a chegar o tempo de se converter en árbore. Pero para
poder cumprir o seu destino necesitará da axuda de todos eles e ata de Sanjurjo
Badía que, como sabemos, andaba por aqueles intres encerellado no deseño dun
submarino que non chegou a rematar.
Ficha de lectura
Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2015 - Premio
Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Xuvenil -Premio Fervenzas 2016
Mellor Capa de LIX - Premio Gala do Libro Galego (Infantil/Xuvenil), 2017 -
Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario