O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

28 de xuño de 2021

Roteiro O souto dos catro ventos

O vindeiro 1 de xullo faremos o roteiro sobre a novela de María Oruña "O souto dos catro ventos" nas localizacións nas que se baseou a autora.

Por mor da pandemia este curso non puidemos realizar ningunha saída como outros anos: o Salón do Libro en Pontevedra ou o ExpOtaku na Coruña quedaron sen a nosa presencia pero esperamos que as cousas cambien para o curso que ven. Polo momento despedimos o curso lector con esta saída cos membros do grupo de adultos, pois son os que están vacinados.

Na presentación veredes as fotos da xornada na que nos achegamos ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, o de Santa Cristina de Ribas de Sil e o de San Pedro de Rochas. Percorremos a aldea de Santo Estevo visitando a casa do médico e das audiencias que aparecen na novela, desde un mirador nos asomamos ao bosque e á panadería do mosteiro... e para non esquecer que estamos na Ribeira Sacra, comemos na Reitoral de Paradas de Sil e visitamos a adega Ronsel do Sil, todo baixo a batuta de Miguel Álvarez Soaje farmacéutico de Vigo que contribuíu ao proxecto de restauración da Botica do Mosterio de Oseira e asesor de María Oruña nas cuestións de farmacopea, botica e vida monástica que atoparedes en Galicia Slow Tours, todo un pracer.

18 de xuño de 2021

Xela Arias. Concurso de Acrósticos


A biblioteca e o equipo de normalización galega organizaron un concurso de acrósticos para festexar as Letras Galegas 2021 e a súa homenaxeada Xela Arias.
Aquí tedes os rapaces gañadores, case todos membros do clubs de lectura!!
Norabóa pola vosa creatividade

27 de maio de 2021

Eva Mejuto de visita no centro

Hoxe estivo no centro aínda que de xeito dixital Eva Mejuto a quen coñecíamos do Salón do Libro de Pontevedra onde nos acolleu en anos anteriores. 

O motivo desta visita foi para falar cos rapaces de 2º ESO de “22 segundos”, a primeira novela xuvenil galega en tratar a temática  trans. Ademais está de norabóa porque recibirá o Premio dos Clubs de Lectura de Galicia 2021 a vindeira semana nas Xornadas de Clubs de Lectura.

No marco da súa obra a autora comenta o seguinte: “Durante moito tempo estiven a seguir  youtubers que contaban as súas historias, e todos empezaban igual: “Ola, chámome  Aidan,” “Ola, chámome Joseph”, “E conto a miña historia porque a min ninguén me axudou, non tiven apoio de ninguén e se cadra se o conto podo axudar a facilitarche a vida”. Paréceme algo moi xeneroso, contar a túa vida non por lucimento persoal, senón expoñerche porque pode axudar a outros”.

“Pero chegou un momento no que necesitaba algo máis, e entrei en contacto cun grupo de mozos  trans. A historia de Marcos chamoume moito a atención porque eu son de Sanxenxo e el é de Cangas” conta referíndose a Marcos  Ceive, cuxa experiencia foi a súa principal fonte de inspiración, e de quen tamén lle sorprendeu a súa forma de ver a vida. Ademais, Marcos e Eva manteñen agora unha forte amizade.

Eva explicounos que “22 segundos” é o tempo que tarda un vídeo que grava *Álex, un mozo  trans, en subirse a Youtube. No referido documento audiovisual, *Álex explica que se abre un blogue para compartir as súas experiencias, pero sobre todo o que está por vir, a viaxe cara a si mesmo. A historia, con todo, termina como empezou, con *Álex subindo o vídeo á rede, e por medio conta a vida de *Álex ata ese momento, e como chegou a descubrirse”.

O libro consta dun capítulo introdutorio e outros vinte e dous capítulos, un por segundo. Segundo conta a autora, isto non ten un significado especial, é un artificio para conseguir facer a novela áxil e amena para os mozos aos que non lles guste ler.

Toda unha sorte contar coa autora con nós facendo disfrutar aos rapaces coa súa espontaneidade, cercanía e compaña. Un pracer!!