O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

11 de enero de 2022

Sen piedade


Podería contar moitas cousas daqueles dous días. Pero supoño que agora o único que importa é que Gordo era o meu mellor amigo, e que eu estaba fodido coma nunca. Porque ela xa non quería saber nada de min. E eu queríaa, maldita sexa, queríaa. Por riba das cidades, por riba das autoestradas, por riba do mar e das estrelas, eu estaba tolo por ela... Pero agora non parecía disposta a escoitarme. E Gordo comprendeuno. «Neno, o que ti necesitas é unha boa festa», dixera. E así foi como decidimos tomar prestado o coche do vello, un impresionante Dodge Charger do 68, e botarnos á estrada nunha viaxe feroz. A tumba aberta. Sen coidado nin precaución, sen tregua, sen límites. Sen piedade.


Desde que se estreou, alá polo 2012 con Os fillos do mar, o de Pedro Feijoo é un dos nomes que máis expectativas xera no leitorado galego, por iso cada nova aparición súa nos trinques das librarías adoita ser unha boa noticia para quen segue a literatura galega. Nesta ocasión chega cun título, Sen piedade, que fai lembrar historias clásicas ou propias do cinema, o filme de John Badhan que en castelán levou un título semellante resulta obvio mais a estrutura tramática da novela leva tamén a pensar na maneira en que Hitkchock tiña de transmitirnos as súas historias, sobre todo na súa capacidade para inculcarlle ao lector o temor a algo que vai suceder e as personaxes non poden controlar. Desde ese punto de vista, esta nova novela de Pedro Feijoo resulta moi cinematográfica, ten mesmo certo parecido coas road movie, desde o momento en que este tipo de filmes adoitan ser fuxidas cara a adiante, cousa que tamén se pode dicir desta novela, ademais de que tamén hai unha viaxe en auto polo medio.....
A situación de partida preséntanos a un mozo, Teo, que volve dos USA de maneira intempestiva, antes de rematar o curso que estaba estudando e coa única razón de querer recuperar a que fora a súa moza deica o momento en que el parte ao estranxeiro. Na súa volta xúntase con Gordo, amigo seu de vello, con quen confidencia e con quen emprende unha viaxe a Compostela coa finalidade de esquecer unha moza que segundo Gordo xa non o quere. Ben, iso é así, mais que fai a policía seguíndolles os pasos?, será só pola droga que levan?, será só polo auto que collen emprestado?, haberá algo máis que non se nos di? E que fan uns mafiosos seguíndolles tamén a pista?, será pola droga ou haberá outra razón? Por suposto, nós non imos desvelar a resposta a ningunha desas preguntas, formuladas para que o lector destas liñas decida se lle interesa a proposta lectora ou non.

Seguir lendo en Ferradura.blog
As cancións de Sen piedade no blog do autor.

No hay comentarios: