O Club de lectura Pantasmas de Papel do IES Fernando Esquío é o lugar onde queremos comentar, suxerir, alentar e compartir os libros que nos gustan....Animádevos e deixade os vosos comentarios "en cualquier lengua!"

2 de marzo de 2020

Os corpos invisibles

L. C. é unha rapaza de quince anos que traballa desde os oito nunha fábrica téxtil de Londres en plena Revolución Industrial, onde as nenas escravas son parte da produción en cadea. 
A vida de L. C. dá un xiro cando cae nas súas mans unha carta escrita por Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, unha saúde fráxil, toda unha lenda sobre as costas e unha vontade de ferro. 
As súas vidas non poden ser máis diferentes, pero ambas as dúas buscan a liberdade, a existencia e o recoñecemento que a sociedade lles negaba a elas e a todas as súas compañeiras.

“Cando unha non é fidalga, é dicir, de boa familia, nin ten o diñeiro suficiente para poder estudar, non estuda. E punto, sobre todo pasa isto cando unha é unha e non é un. As saias impiden todo, de sempre. Coan o aire polos baixos arrefriando as pernas, o cu e o que non é cu; amosan máis do que deben cando sobes a certa altura, deixan o corpo exposto á mancadura e, sobre todo, non serven para xogar ao fútbol, gabear polas árbores ou saír correndo atrás dos ananos faltóns para darlles de puñadas”.


Os corpos invisibles, de Emma Pedreira, foi o libro que o xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 premiamos e que se publica agora nesta entrañable colección da que vos falaba antes. E nada é casual, a verdade. É necesario que desde as idades máis novas se teña conciencia do longo camiño que aínda temos que percorrer para recuperar os referentes femininos, en todas as facetas da vida pero, máis concretamente, na literaria. Eses corpos que o patriarcado se empeñou en facer invisibles comezan a saír do mundo dos mortos nun claro exercicio de xustiza poética e tamén vital.
A través do encontro de dúas mulleres aparentemente diferentes na época vitoriana, L. C, unha rapaza de quince anos que traballa nunha fábrica téxtil, e de Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, as lectoras descubriremos que a loita polos dereitos das mulleres é universal. Cun argumento moi rico en matices e con diversas arestas, Os corpos invisibles preséntase como unha proposta de lectura ideal para o traballo nas aulas, pois permite que vaiamos tirando dos diversos elos e coñecendo a autoras que durante tanto tempo permaneceron no anonimato, caso de Mary Shelley, George Eliot, Jane Austen, Emily e Charlote Brontë, ou Christina Rossetti, entre outras moitas.
Cunha mensaxe moi necesaria, esta novela lese nunha soa tarde, non só pola orixinalidade da trama, senón tamén pola fermosa linguaxe coa que está escrita. Estou segura de que ninguén sairá indemne, pois é unha obra que deixa pouso e que indaga na responsabilidade que temos como sociedade para mudar a orde das cousas. ...Seguir lendo en Lecturafilia

No hay comentarios: