"Meu amigo Alberte, aleykum salaam:
Primeiro día de outubro de 2002 segundo o voso calendario, 24 de Rayab segundo o musulmán. Esta é a primeira carta que che escribo, querido Alberte. Meu pai acábame de regalar este caderno de tapas duras e follas raiadas e un bolígrafo de tinta azul escura. O mestre Mir Ashduf considera que debo practicar a escrita porque disque teño calidades para narrar historias; quere que me converta nun katib, é dicir, un escritor de libros, e o teu pai é da mesma opinión. Eu non sei se será certo, penso que o que queren é salvarme de ir cachar na leira ou de ir ao monte por leña. Entre ambos convenceron o meu pai de que o mellor é que me ocupe só de coidar as ovellas no pasto, así terei tempo para escribir as cousas que se me ocorran."
Irmán do vento, a novela de M. Lourenzo González, gañadora do Premio Merlín 2003, é a historia de Khaled, un rapaz dunha apartada aldea do Iraq que, coma outro rapaz calquera, ten unha familia, ten amigos, unha casa, unha vida, ten un amor, ten proxectos. Ata que, de repente, a guerra. Irmán do vento é a crónica da destrución inexorábel de todo canto Khaled é e de canto soña ser. Irmán do vento é tamén a narración emocionante da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e da esperanza.
Na páxina da Biblioteca Virtual Galega podedes ver as outras obras deste autor e ler algún relato online
No hay comentarios:
Publicar un comentario